O termo
dislexia é controvertido, non contando na actualidade cunha
definición universalmente aceptada, aínda que si hai certo
consenso, por parte da comunidade científica que se ocupa do
tema, en considerar a dislexia como un trastorno específico e
persistente da linguaxe escrita, caracterizado principalmente
por dificultades na exactitude e automatización lectora e
escritora. De aí que moitas veces se utilice a etiqueta conxunta
dislexia-disortografía. Pódese manifestar en distintos graos,
ocasionando unha incapacidade total ou parcial para ler e
escribir ao largo da vida.
É unha dificultade conxénita, hereditaria, cunha base
neurolóxica e que a miúdo, forma parte dun problema de linguaxe
máis profundo. Non pode ser explicada por deficiencias visuais
ou auditivas, por trastornos emocionais ou condutuais, por
retraso mental, nin por situacións educativas ”anormais” (como
ausencias prolongadas ou repetidas ás clases, metodoloxía de
ensinanza inapropiada, cambios frecuentes de profesores ou
centros…).
Ademáis das dificultades sinaladas na linguaxe escrita, poden
verse afectados outros aspectos, tales como: dificultades para
seguir instrucións, confusión co vocabulario que ten que ver coa
orientación espacial e temporal, dificultades asociadas á
discalculia (dificultade para realizar operacións matemáticas)
e, en xeral, lentitude no procesamento da información.
Como
efectos secundarios, o neno/a pode manifestar outros problemas
como a falta de confianza, baixa autoestima, ansiedade,
depresión, frustración, trastornos do sono, trastornos da
alimentación, enuresis, etc.(1)
(1) Outón, P. (2009).
Dislexia. Una visión interdisciplinar. Barcelona: Lebón.
CARACTERÍSTICAS
E SÍNTOMAS
Non todos os disléxicos e disléxicas presentan as mesmas
características nin na mesma intensidade pero as seguintes
pódense considerar representativas.
En Educación
Infantil
Nesta idade pódense atopar sinais de alerta que nos deben poñer
atentos para o futuro, xa que non é ata que o neno empeza a ler
cando de verdade se pon de manifesto a dislexia. Estes sinais de
alerta poden ser:
·
Alternancia de días "bos" e "malos" no traballo
escolar sen razón aparente.
·
Confusión ao nomear as cores.
·
Dificultade para aprender as rimas típicas de preescolar.
·
Dificultade para recordar secuencias (días da semana, dedos da
man,...).
·
Ansiedade con algúns traballos sen razón aparente.
En Educación
Primaria
Cando comeza o proceso de iniciación á lectura manifestan nesta
un atraso considerable con respecto ao resto da clase, alteran,
omiten ou substitúen as palabras ou letras, inverten as sílabas,
etc.
Ao iniciar o proceso de escritura aparece normalmente a
escritura en espello, unións de palabras, separacións, omisións
de letras, repetición de sílabas etc.
Ademais, presentan as seguintes características:
·
A alternancia entre días "bos" e "malos" faise
máis notoria.
·
Dificultades para seguir instrucións (piden constantemente que
llelas repitan).
·
Persisten as dificultades para reter series (días da semana,
estacións, abecedario, meses
do ano...).
·
Confusión co vocabulario que ten que ver coa orientación
espacial (dereita, esquerda, arriba, abaixo...) e temporal (onte,
hoxe, mañá,...).
·
Problemas para poñerse as prendas de diante para
atrás e os zapatos nos pés correspondentes.
·
Dificultades para atarse os zapatos.
·
Dificultades para aprender a ler o reloxo.
·
Dificultades na utilización do diñeiro.
·
Problemas para seguir pautas rítmicas.
·
Dificultades co vocabulario matemático (restar, levar, adición,
substracción, decena, engadir, quitar,...).
·
Escritura en espello de números.
·
Inversión ao ler e/ou escribir números (por ex. 15 en lugar de
51 ).
·
Confusión coa orde en que deben realizar as operacións
matemáticas.
·
Problemas
para contar cara a diante e cara a atrás, en especial cando se
pasa dunha decena a outra.
·
Dificultades para facer
seriacións
alternando os números de 2 en 2, de
3 en 3 etc. As dificultades aumentan cando a
seriación
é en orde inversa.
·
Utilización de estratexias para realizar operacións de
matemáticas sinxelas: dedos, marcas no papel, etc.).
·
Dificultade para comprender os problemas
matemáticos.
·
Lentitude para facer as tarefas escritas e
operacións simples.
·
Dificultades coa “memoria a curto prazo” (copiar do encerado,
copiar do libro,...).
·
Dificultades para poñer atención. A miúdo acúsaselles de estar
ausentes, de soñar espertos,
de
non concentrarse.
·
Grande dificultade na aprendizaxe de linguas estranxeiras.
Debido a todas estas dificultades os alumnos/as con trastornos
de dislexia necesitan que se tomen unhas medidas na aula e na
avaliación que lles permitan alcanzar os obxectivos desexados.
Da aplicación destas medidas
dependerá que este alumnado poida continuar a súa andaina polos
seus estudos e evitarase a aparición de trastornos asociados
como: problemas de frustración, baixa autoestima, fobia escolar,
ansiedade, trastornos de conduta, desadaptación e depresión.
En Educación
Secundaria
Da a impresión de que a dislexia é
unha dificultade que afecta unicamente á educación primaria e
que se supera ao chegar á secundaria, cando seguramente é nesta
etapa donde resulta máis dura de afrontar. O feito de superar
algúns dos síntomas das etapas anteriores, que son os máis
coñecidos, leva aos profesores e profesoras a dubidar que o
alumno/a sexa disléxico, que máis ben é vago, que traballa pouco,
que é lento, é incapaz de aprender un texto ao pé da letra e
falla nas definicións, etc.
Ás veces rebélanse ou fanse os graciosos e
outras íllanse e teñen dificultades para facer amigos. Buscan a
autoestima en aspectos alleos aos estudos: se son creativos
reaccionan con boas saídas aos ataques verbais, o que lles crea
problemas cos compañeiros e compañeiras e co profesorado, ao
tempo que confirma a apreciación de que son espabilados e se non
aproban é porque non estudan nin traballan. Tamén son
despistados e desorganizados. Non recordan que teñen exame ou
que entregar un exercicio, e cando o fan esquéceno na casa.
Chegada esta etapa encontrámonos con que
hai moitos disléxicos e disléxicas non diagnosticados. Pode
haber en cada aula 2 ou 3 alumnos “vagos” e “despistados” que
facilmente poderían ser disléxicos/as non diagnosticados/as e
aos que ninguén presta atención porque, ademáis, poden ser
respondóns e rebeldes.
Así podemos resaltar nesta etapa os
seguintes rasgos, ademáis do xa sinalado:
·
Escritura descuidada, desordenada, en ocasións
incomprensible.
·
Inconsistencias gramaticais, ás veces permanencia das omisións,
alteracións e adicións da etapa anterior.
·
Dificultade para planificar e redactar relatos e
composicións escritas en xeral.
· Gran
dificultade para a aprendizaxe de linguas estranxeiras.
·
Baixa comprensión lectora.
· Baixa
autoestima.
· Aversión
á lectura e á escritura.
CAUCE A SEGUIR
PARA ESTABLECER O DIAGNÓSTICO
Se o profesor/ora na aula ten indicios de que se pode encontrar
ante un posible caso de dislexia tratarao co orientador/ora do
centro e este, se o considera necesario e de acordo cos pais,
solicitará a intervención do Equipo de Orientación Específico.