Á
Administración
Temos unha lei reciente (a
Ley Orgánica de Educación, LOE) na que por primeira vez se
contempla ao alumnado con “dificultades específicas de
aprendizaxe”. Esta lei debe ser desenvolvida pola Comunidade
Autónoma e pedimos aos poderes públicos que leven a cabo unha
verdadeira campaña de sensibilización e que se arbitren
mecanismos como a posta en marcha de protocolos de detección e
de actuación en todos os centros educativos para buscar
solucións a todos os nenos e nenas que en demasiadas ocasións
foron catalogados como hiperactivos ou como vagos, inmaduros ou
malos estudantes, cando quen está fracasando en demasiadas
ocasións é o propio sistema educativo e non eles.
Deberanse poñer en
marcha políticas que aborden as medidas necesarias para:
-
Propiciar o diagnóstico o antes posible.
-
Desenvolver e aplicar métodos axeitados que
permitan darlles a oportunidade de aprender cunhas ferramentas
adecuadas ao seu problema.
-
Dotar aos centros de suficiente profesorado e
persoal especializado.
-
Formar de maneira adecuada e específica ao
profesorado.
-
Dotar das axudas económicas que permitan o acceso
aos tratamentos existentes sen custo adicional para as familias.
-
Dotar aos centros de material audiovisual ou
técnico para mellorar a aprendizaxe de todos e que repercutirá
de forma moi positiva nos nenos/as con dificultades de
aprendizaxe.
Á escola
-
Darlle atención individualizada sempre que sexa posible,
facéndolle saber que pode preguntar sobre o que non entende.
Séntense inseguros e preocupados polas reaccións do profesor/a.
-
Evaluar os progresos en comparación con el/ela mesmo/a, co seu
nivel inicial, non co nivel dos demais nas súas áreas
deficitarias.
-
Ter en conta que require máis práctica que un estudante non
disléxico/a para dominar unha técnica nova.
-
Darlle máis tempo para organizar os seus pensamentos, para
rematar os seus traballos.
-
Ter presente o seu rendemento inconstante.
-
Evitar a corrección sistemática de todos os erros na súa
escritura, facéndolle notar aqueles sobre os que se está
traballando en cada momento.
-
Darlle a oportunidade de facer exames orais, evitando as
dificultades que lle supoñen a súa mala lectura, escritura e
capacidade organizativa.
-
Ter en conta que lle levará moito máis tempo facer as tarefas
para a casa que aos demais nenos/as da aula e que se cansa máis
porque todo o traballo lle supón máis esforzo.
-
Facilitarlle a aprendizaxe utilizando os recursos dispoñibles
(usar táboas de datos, calculadora, magnetófonos...).
-
Reforzar positivamente o seu traballo sempre que sexa posible,
sen deixar de sinalar aquilo no que necesita mellorar e está ao
seu alcance. É fundamental entender a necesidade que teñen estes
nenos e nenas de que se desenvolva a súa autoestima.
-
Considerar especialmente a importancia de levar a cabo un labor
interdisciplinar, donde haxa un contacto permanente entre as
familias e os profesionais que interveñen no proceso educativo
dos nenos/as.
-
Na ESO, a avaliación ten carácter formativo e orientador,
permite detectar as dificultades no momento que se producen,
para adoptar inmediatamente as medidas de reforzo.
Á familia
-
Facerlle saber que entendemos a natureza dos seus
problemas, o que levará consigo darlle explicacións sobre as
dificultades que supón a dislexia. Isto require unha dose moi
alta de paciencia pero é importante que se comprenda.
-
Apoialo/a emocional e socialmente.
-
Transmitirlle a certeza de que non é tonto/a,
vago/a nin inútil, que seguramente tivo que se esforzar moito
máis no traballo para alcanzar o seu nivel actual de lectura e
escritura.
-
Intentar evitar que a nosa ansiedade lle aumente
os seus problemas.
-
Ter en conta as dificultades prácticas asociadas
á dislexia: confusión coas horas do día, equivocacións respecto
ao lugar no que se colocan as cousas, tendencia ao desorde,
distracción, torpeza en ocasións...
-
Potenciar a súa autoestima a todos os niveis.
Por último, incidir
na especial importancia da interconexión que debe existir entre
todos os implicados no proceso educativo destes alumnos e
alumnas. Ser todos conscientes da importancia do papel de cada
un (profesores/as, especialistas, pais e nais...) para levar a
cabo o cometido de sacar adiante a estes nenos e nenas, tan
inxustamente tratados na maioría dos casos; facendo que este
trastorno, que tanta angustia e sufrimento causa nestes nenos e
nenas e nas súas familias, se poida afrontar entre todos porque
eles e elas son moi capaces.